Friday 17 de May de 2024

O grupo socialista censura que o bipartito non presentara aínda un borrador de orzamentos “cando a señora Sanmartín a 1 de setembro xa o estaba esixindo”


Alertan que de estes orzamentos dependen “inversións importantes” para a cidade e que non se perdan fondos europeos: “a humanización de Amor Ruibal, a recuperación de Cornes, as rehabilitacións dos polideportivos de Santa Isabel e Vite e a estación de reparto de mercadorías, ou se consignan orzamentariamente ou se perden os fondos”

Entrado xa o mes de novembro en Raxoi, os grupos da oposición, seguen á espera dun primeiro borrador dos orzamentos do 2024, cando desde o goberno se fixara finais de outubro como prazo para enviar ese primeiro documento. Desde o grupo socialista recordan que o 1 de setembro de 2022, a propia Goretti Sanmartín, desde a oposición, “xa estaba esixindo iniciar as negociacións”. “A mesma Sanmartín”, critica Marta Abal, “que a 4 de novembro, aínda non deu ningunha explicación de cando pensa comezar as negociacións”.

A edil socialista recalca a importancia dos orzamentos do próximo ano posto que “deles dependen importantes inversións na cidade e que non se perdan fondos europeos que se conseguiron no mandato socialista”. O proxecto de humanización de Amor Ruibal, a mellora da lagoa do Auditorio de Galicia, o Xardín Botánico xunto ao Campus Sur, melloras no Monte Viso, as actuacións de rehabilitación no polideportivo de Vite e o complexo de Santa Isabel ou a estación de reparto de mercadorías para o casco histórico son algúns dos proxectos que deberían estar incorporados nos próximos orzamentos para que non se perdan preto de 16 millóns de euros de fondos europeos.

“Como dixo a señora Sanmartín en novembro do 2021, son moitas as urxencias e vontade negociadora, de momento, ningunha” criticou Abal que, matizou “o dixo cando estaba na oposición, agora que goberna é outro cantar”.

Sen novidades da nova ordenanza de plusvalía

Desde as filas socialistas tamén cuestionan os retrasos que o bipartito está tendo para levar a nova ordenanza de plusvalía ao pleno da corporación. Recorda Marta Abal que esta xa fora aprobada en Xunta de Goberno no pasado mandato e agora só tería que ser ratificada pola corporación. Insiste ademais en que “xa estaba negociada con todas as forzas de esquerda” e insiste en que “o feito de que a alcaldesa non sexa capaz de levar isto a pleno denota certa parálise na xestión”.

Piden celeridade os socialistas e insisten no transcendental destes orzamentos “posto que deles depende que se lle dea continuidade aos grandes proxectos que, durante o noso mandato, puxemos en marcha para transformar a cidade”.